Sempre en Galicia, 71 anos na radio uruguaia

Que un programa de radio fundado en Montevideo o 3 de setembro de 1950, feito enteiramente en galego, cumpra 71 anos ininterrompidos de vida é motivo de celebración pero tamén de recoñecemento do esforzo realizado polo moi comprometido grupo de emigrantes galeguistas que axudaron ao mantemento da nosa identidade nas terras da República Oriental do Uruguai. Estamos a falar de que uns meses despois da morte de Castelao en Bos Aires, os seus amigos montevideanos, fundan un espazo radial para renderlle homenaxe e chámanlle “Sempre en Galicia”.



Nunca esquecerei, recén chegado a capital uruguaia, cando o domingo 30 de novembro de 1958, pola mañá, escoito desde o meu cuarto a música duns gaiteiros que sae da radio “Philco” que está na cociña. Aínda tiña moi presente os sons das gaitas na festa de Nosa Señora da Ermida Vella, o oito de setembro na miña aldea de Tines. Aquel histórico domingo téñoo gravado xa que foi cando sentín alegría porque entendín que alí sería moi feliz. Nunca imaxinei que anos despois sería amigo dos señores que falaban pola radio e que me convidarían a formar parte activa de “Sempre en Galicia”.

Os que queiran máis información sobre o programa poden ler o libro de Mónica Rebolo Vázquez (Edicións Laiovento) xa que eu debo centrarme no futuro inmediato para intentar que a Xunta de Galicia e o Parlamento e as Deputacións e o concello de Rianxo e a RTVG, outorguen distincións e premios a unha iniciativa que ten grande importancia polo seu moi eficaz labor didáctico xa que é a máis antiga escola de galeguidade na emigración. Por suposto que son benvidas as distincións honorarias pero sen esquecer a realización de actividades concretas na capital uruguaia.

Coido é pertinente que lembre o Corenta Aniversario (3/IX/1990) como exemplar actuación da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura que estaba baixo o mando do mestre ourensán Daniel Barata Quintas. O compromiso e o bo facer de Paz Lamela Vilariño (directora xeral) e de Xabier Senín Fernández (sub director) levaron a Montevideo unha aperta solidaria para todos os alí residentes. Os actos conmemorativos tiveron moita repercusión xa que Galicia estivo presente desde o 2 e ata o 7 de setembro con actuacións musicais, estrea de filmes, vídeos e exposición de libros.

O mesmo 3 de setembro, pola noite, o Teatro Solís (o máis prestixioso do país) acolle a actuación de “Milladoiro” na súa primeira viaxe ao Río da Prata. Foi emocionante e coido que as bágoas de alegría do meu benquerido lucense Manuel Meilán Martínez (director-fundador) logo de recibir o aplauso de máis de 1.200 persoas (aforo completo) ben valeron o investimento realizado. Houbo tamén outro momento inesquecible cando Moncho García di que interpretarán a “Polca dos Campaneiros” adicada especialmente ao fillo dun dos fundadores do famoso cuarteto “Os Campaneiros de Vilagarcía”, o meu amigo Ramón Valiñas, que estaba presente na sala.

Foi unha semana chea de emocións que aínda se recorda xa que despois de aplaudir a “Milladoiro” puidemos gozar coa voz da moi talentosa neta montevideana da Pastoriza (Cristina Fernández Fernández) que mantén activo o sentimento de pertenza a terra da inmorrente Rosalía de Castro. Tivo lugar en “Cinemateca” a estrea dos filmes ContinentalUrxa Sempre Xonxa e coa participación nun coloquio de Carlos A. López Piñeiro (director de Urxa). Lembro que fun quen levou a Montevideo, xunto coa equipaxe, media ducia de caixas metálicas coas cintas orixinais de Continental Sempre Xonxa. Ademais tamén unha mostra das últimas novidades editoriais galegas.
 


Ocórreseme facer a proposta de que no ano 2022 se volva a capital uruguaia para festexar esta meritoria andaina cultural no exterior coa repetición dos recitais de Milladoiro e Cristina Fernández e a proxección de filmes e mostra expositiva ou feira do libro galego. Sei que será un éxito xa que teremos a axuda do eficaz Patronato da Cultura Galega (entidade que financia o espazo radial) e a colaboración do carballés Toni de Sofán (Antonio García de Seárez) que leva varias décadas diante do micrófono para que as mañás do domingo sexan o elo que nos une en irmandade solidaria arredor dos sons da Muiñeira de Chantada. O bo traballo do meu amigo Toni debe ser recoñecido. Estamos diante dun moi activo emigrante que agradece a honra de ser escollido para seguir coa sementeira de galeguidade desde unha emisora radial na República Oriental do Uruguai. O meu desexo é que o sábado 3 de setembro do vindeiro ano sexa unha xornada de festa maior para certificar que sigue fortemente xunguido a Galicia o elo de emoción que por enriba do Atlántico penduraron os fundadores de “Sempre en Galicia” en 1950. Ofrezo a miña colaboración para que os anfitrións montevideanos nos conviden a matear xuntos (a Intendencia Municipal de Montevideo é a propietaria do Teatro Solís) para celebrar unha achega do sangue emigrante na conformación dun xeneroso país que nos acolleu con agarimo no seu niño de hornero e abeirounos en tempos de escuridade, friaxe e tempestades.

Manuel Suárez Suárez

You May Also Like

0 comments