Twitter Instagram Twitch Facebook Emiliano451 Kinoclub

Nido de caranchos

  • Home
  • About
  • Fotografía
    • Lomo
    • Flaneur
    • Noches de pandemia
    • Foto reportaje
  • Cine
    • Kinoclub
    • Cineclub YMCA
    • Cineclub La Rosa
    • Documental
  • Música
    • Vinilos
    • Rock
    • Próximamente
  • Literatura
  • Viajes
  • Etc
    • EP
    • Fútbol
    • Cartele
    • Cafecito


Quero aproveitar que “Sempre en Galicia” de Montevideo (o programa en galego máis antigo do mundo) cumpre 74 anos para pedir que o vindeiro ano viaxemos ata a capital da miña moi recordada República Oriental do Uruguai para participar nas celebracións do 75º Aniversario. Coido que estamos en débeda cos emigrantes que o 3 de setembro de 1950 deciden homenaxear a Castelao (falecido en Bos Aires no mes de xaneiro) por medio da fundación dunha audición radial que fose emitida enteiramente no noso idioma.

Aqueles galeguistas (Canabal, Crestar, Couceiro, Leiras, Meilán, Pita, Somoza) eran admiradores e seguidores do ideario do nobre rianxeiro e sentíanse moi doídos polo seu pasamento. Naqueles tempos a radio era un medio de comunicación que tiña moita audiencia e a idea era a de achegarse aos fogares dos galegos emigrados no Río da Prata (por onda corta tamén se podía escoitar na capital arxentina) para alumear con sentimento e así manter a nosa identidade diferenciada.

O custe do espazo radial era pagado polos propios fundadores e tamén por un pequeno grupo de amigos que cada mes pagaba unha cota de colaboración. Cando se producía algunha baixa na recadación, polo que fose, alí estaba sempre a man xenerosa de don Xesús do Amenal (Xesús Canabal Fuentes) para arranxar o asunto. Ata a morte de Manuel Meilán Martínez (o último dos fundadores e director desde 1950) o espazo foi pagado por particulares (entre eles os propios redactores-locutores) e logo pasou a ser unha responsabilidade do “Patronato da Cultura Galega” xa que recibiu a honrosa herdanza de manter activa a voz dos loitadores devanceiros.

Hai que ser agradecido e por iso fago un chamamento para que os cidadáns galegos, mediante a súa xestión persoal diante das autoridades que xulguen comenentes, soliciten a celebración de actividades culturais na capital uruguaia no vindeiro 2025 e así poder berrar forte VIVA SEMPRE EN GALICIA DE MONTEVIDEO! Eu penso que este programa radial é un importante fito dentro da longa historia da nosa emigración e debe ser tido en conta pois fortalece o noso espírito.

Estou a pensar en que hai dous concellos galegos (o de Carballo e do Rianxo) que teñen sobrados motivos para achegarse a Montevideo é celebrar unha Festa da Irmandade Emigrante. Os rianxeiros, xa que “Sempre en Galicia” é unha homenaxe cotiá a Castelao e tamén porque foi o “Patronato da Cultura Galega” o que fixo a doazón do busto a Castelao que se instalou no paseo da Ribeira en 1975. Quero dicir que sería moi fermoso que cincuenta anos despois, o actual alcalde dixese en Montevideo: Graciñas, Patronato da Cultura Galega. Os carballeses, pois tamén teñen que sentir orgullo de que diante do micrófono de Sempre en Galicia leva 30 anos ininterrompidos Xosé Antonio García de Seárez (Toni de Seárez). O meu prezado amigo naceu en Sofán e reside en Montevideo desde o seu casamento coa filla montevideana duns emigrantes carballeses. O meritorio labor de Toni (director-locutor-redactor) debe ser premiado xa que o seu bo facer e a súa constancia manteñen a emoción de poder falar na nosa lingua en terras uruguaias.

Por suposto, ademais de Rianxo e Carballo, espero contar con achegas de entidades e institucións para que o mes de setembro do 2025 sexa unha conmemoración inesquecible (no recordo de moitos permanece a moi exitosa celebración do 40º Aniversario con “Milladoiro” do Teatro Solís) para agradecerlle aos que na outra beira do mar mantiveron acesa a lareira da galeguidade. Non quero esquecer de informar que un dos fundadores de Sempre en Galicia foi o deputado republicano, Alfredo Somoza Gutiérrez, que fora presidente da Deputación Provincial da Coruña en 1931 e que outros dous fundadores, Canabal e Meilán, recibiron a Medalla Castelao. O certo é que Sempre en Galicia merece as máximas distincións pero sei que o mellor agasallo será achegarse a Montevideo para ofrecerlle unha fonda aperta colectiva aos descendentes dos fundadores, redactores, locutores, colaboradores e aos directivos do Patronato da Cultura Galega. Haberá discursos que farán louvanza do mérito de manterse, desde 1950, nun ético sulco de identidade pero quizais o máis emotivo sexan as dúas palabras finais: Graciñas, Moitas Grazas.

Manuel Suárez Suárez
Dende Lonxe de Montevideo.
Share
Tweet
Pin
Share
No comments


Nas letras do tango podemos atopar todos os caracteres esenciais da realidade riopratense, unha realidade que é patrimonio común de arxentinos e uruguaios. O individualismo, a nostalxia, a amistade; todo está no tango porque non hai sentimento, vicio ou virtude que non teña a súa letra. Dentro dos milleiros de letras que se levan escrito en máis de cen anos de creación literaria tanguera, hai temas que son máis reiterados que outros e por tanto moi indicativos da particular psicoloxía riopratense. A xeito de pequena escolma, pódese facer unha enumeración dos tangos e temas máis frecuentados polos autores.

- O barrio (Barrio reo, Barrio pobre, Melodía de arrabal, Puente Alsina, Barrio viejo, Barrio de tango, Almagro, Paternal, San José de Flores, Corrientes angosta, Viejo rincón, Recordando mi barrio, Tinta roja, Las cuarenta, Callecita de mi barrio, La que murión en Paris, Vuelvo al barrio, Volver)

- A morriña (Gricel, La abandoné y no sabía, Madreselvas, El 45, A pan y agua, Tiempos Viejos, Acquaforte, Destellos, Barra querida, Miriñaque, Tal vez será su voz, Bolita cachuza, Caminito, Cartas viejas, Cómo se pianta la vida, Sueño de juventud, Boliche de cinco esquinas, Café La Humedad, Cada vez que me recuerdes, Quien tuviera dieciocho años).

- A nai (El penado 14, Madre, Te odio, Madre hay una sola, Perdón viejita, Oración rante, Hacélo por la vieja, Victoria, Santa madrecita, Trago amargo, Consejo de oro, Quejas del alma, A su memoria, La gayola, La casita de mis viejos)

O poeta Héctor Negro, autor entre moitas letras da magnífica Viejo Tortoni (1981) di que no tango entra todo: lo sentimental, lo descriptivo, lo social, lo jocoso, las pasiones populares, lo hondamente confidencial, el desgarramiento más hondo. En diferentes estilos e linguaxes todo cabe dentro do tango que comeza coa expresividade do lunfardo e logo transita polo romanticismo e a crónica realista ata chegar a descarnada filosofía do gran creador Enrique Santos Discépolo. Sen esquecer o lirismo de Cátulo Castillo, Homero Manzi, Enrique Cadícamo, Homero Expósito, Horacio Ferrer e Eladia Blázquez.

Tendo en consideración o contido das letras, Daniel Vidart, fai unha clasificación en catro grupos: dramáticas, líricas, humorísticas e cómicas. Sobre os temas das letras propón unha clasificación en dez temas: 1) tema campesiño [as paisaxes e as personaxes do mundo rural); 2) tema orillero [o barrio, o arrabaldo, o bailongo, os taitas, as paicas, o patio do conventillo); 3) tema urbano [as rúas da cidade, o porto e seu mundo]; 4) tema amoroso [o amor da nai, a pena de amor, a traición]; 5) tema sobre o ambiente [a brevidade da gloria, o bailarían compadrito, o canfli, o bacán, o otario); 6) tema satírico [a crítica de costumes, persoas e situacións]; 7) tema lúdico [o escaloseador, o burrero, a timba, o fútbol); 8) tema filosófico (a tristeza, a dor, o cinismo, a indiferencia, a soedade); 9) tema social [a miseria, a fame, a gayola]; 10) tema tango [o propio tango é motivo dunha letra]. Para Jorge Göttling os temas do tango son nove: 1) o escepticismo; 2) a nai; 3) a fractura ou amor fallido; 4) o reencontro; 5) a vinganza; 6) o duelo crioulo; 7) o amor fugaz; 8) o alcohol; 9) o xogo.

"Aparecida una música, es un hecho casi instintivo que el hombre quiera cantarla. Así, los primeros tangos, sobre todo los que se ejecutaban en los prostíbulos o lugares privados, de inmediato fueron utilizados para ponerle letra y cantarlos; letra por supuesto, adecuada a cada ambiente. En el caso del tango debe tenerse en cuenta la existencia de los payadores que, en otros géneros, enseñaban la manera de improvisar o escribir una letra para determinado músico. Ángel Villoldo fue payador en sus comienzos y se acostumbró a la facilidad de poner versos a distintas músicas, como lo hizo con el tango luego, con espontaneidad y fue el principal letrista de la Guardia Vieja. Pascual Contursi, años después, utilizaría el mismo procedimiento para hacer sus versos para determinados tangos, pues también se había iniciado como payador". Rubén Pesce.

Manuel Suárez Suárez
Galicia digital
Share
Tweet
Pin
Share
No comments


Os meus estudos de “Preparatorios de Abogacía” en Montevideo curseinos no IAVA (Instituto Alfredo Vázquez Acevedo) e tiven a sorte de que a miña profesora de Literatura fose a gran poeta uruguaia Idea Vilariño que era descendente por liña paterna de emigrantes do Concello de Ponteceso. A profesora Vilariño é sen dúbida quen máis afondou no estudo da literatura tanguera e os seus eruditos traballos de investigación imprescindibles para calquera análise que se queira realizar. O primeiro no que fai fincapé sobre as letras do tango é que ningún autor se atreveu nunca a escribir os textos das cancións segundo se pronunciaban. Os precursores da literatura tanguera incluían lunfardismos pero nunca chegaron a substituír as “elles” por “yes”.

Tamén recoñece o importante papel de Pascual Contursi e Carlos Gardel (Carlos Escayola Oliva) xa que Gardel foi un pioneiro que coa letra argumentada de Contursi outorga a partida de nacemento o tango-canción. A poesía de Contursi introduce no tango, a partir de 1917, unha temática que será o seu sinal de identidade xa que os autores posteriores escribirán variantes sobre o tema universal do amor (Mi noche triste, De vuelta al bulín, Flor de fango) e Gardel cando canta os versos de Contursi, sen sabelo, está facendo de codificador. A súa xenialidade artística establece a fixación dunhas normas que logo se seguirán para cantar un tango.

Contursi es un poeta y aunque después vendrán otros de más calidad literaria, o más originales o más profundos o más ricos, nos hemos detenido en él por lo que significó, por lo que hizo posible como punto de partida para Gardel y para la literatura tangüística, por estar en el origen de un clima, de un estado de ánimo, de un lenguaje, de una temática, de una actitud que fueron esenciales, que se consustanciaron con el tango.

Idea Vilariño

Para Idea Vilariño se atendemos ao propósito do tema, temos tres formas de expresión literaria no tango: a lírica (expresa un estado de ánimo ou un sentimento); a narrativa (desenvolve unha historia na que se manifesta unha experiencia propia ou allea); a dramática (relata unha situación de drama con personaxes, lugares e feitos). Para dona Idea no tango hai cinco grandes temas: 1) o amor; 2) a nai; 3) o paso do tempo; 4) o tango; 5) o alcohol. Fai o suliñado de que demos de distinguir entre temas e motivos. O tema é unha unidade de interese (unha personaxe, un acontecemento, unha conducta) que pode enfocarse de moi distintas maneiras. O motivo é unha situación ou un feito ou encadeamento de feitos que se repiten sen que modifique a estructura fundamental.

El tango canta, así, los lugares de vida, de diversión, del recuerdo ---el barrio, una calle, las “lucecitas de mi pueblo”, la “casita de mis viejos”, el cabaret, el café, el circo, Buenos Aires, puerto nuevo, el conventillo, el cuartito azul, la garçonnière, la calesita---; los tipos humanos y los oficios ---la madre, el zapatero remendón, el taximetrista, el ladrón, el malevo, la linda del barrio, la solterona, la fea, la enferma, la novia, la muchachita que dio aquel mal paso, la prostituta, la mujer fatal, el bailarín profesional, el linyera, el cuarteador, el italiano---; los cantores ---payadores, milongueros, cantores de tango, Gardel, las serenatas---; los juegos y los deportes ---los naipes, las carreras, la quiniela, el fútbol---; y el duelo criollo, el propio tango, el carnaval, el organito, el cigarrillo, la barra de la esquina, la infancia, Yrigoyen, la crisis, las copas, la cárcel, el hospital, el paso de los años, la muerte, la vejez. Dios. Y qué no.

Manuel Suárez Suárez
Dende Lonxe de Montevideo.
Qué pasa na costa
Share
Tweet
Pin
Share
No comments

Os tíos de Manuel Suárez, o Neno da Loba, que rozaban o monte o dia do ataque da loba en Tines

Os anos pasan pero aínda non esquecín case nada do acontecido o 21 de xullo de 1958 nun monte da miña aldea de Tines (Concello de Vimianzo). Non teño que esforzarme na lembranza xa que gardei as imaxes do espazo no que tivo lugar a trabada dunha loba que deixou no meu pequeno corpo a pegada de 33 cicatrices.

Supoño que a pobriña estaba famenta pois eu non era moita cousa pero é ben sabido que cando hai fame non se pode elixir. Quero dicir que os lobos prefiren a carne de cabra, ovella ou vaca. Os ataques a seres humanos son escasos e tampouco é habitual a caza individual xa que son animais que sempre forman parte dunha manda. Quero pensar que se estou vivo é polo meu forte desexo de viaxar a Montevideo que era onde emigrara o meu pai (Xesús do Rei) pero quizais foron os berros do meu padriño os que afastaron a loba e así salvei a vida. Fose o que fose non era de morrer pois segundo a miña nai (Valentina de Xan) non era o meu destino.

Agora vouvos levar comigo ata o monte onde rozaban os meus tíos (Manuel e Encarnación) na zona alta da aldea e na beira do camiño que leva ata a capital municipal. Estaba a xogar con Alberto (un neno un pouco maior ca min) nunha encrucillada moi xeitosa onde facían lindeiro dúas ou tres leiras de veciños de Tines. Alí a terra era branquiña por mor da area que apousaba logo de escorregar por enriba dunhas laxes horizontais que chegaban ata o valado dunha leira situada xusto antes da que era dos meus avós maternos. Estaba anicado, enredando xunto ao meu amigo, cando me sorprende o seu forte berro:
Manoliño que vén o lobo! Érgome para saír detrás del que fuxe en dirección a onde están os meus tíos pero antes de chegar ao valado que tiña un pasadoiro para facilitar o paso sinto que uns dentes traban na miña espalda. Non esquezo a última imaxe dunha pedra brillante que era onde se apoiaban os pés para pasar o valado. Teño aquel recordo intacto xa que o pasou despois non ten imaxes. Eu pechei os ollos. A loba lévame a un lugar escollido no que unhas pedras horizontais fan un corte vertical que agacha da vista o que alí estea.

Dixen que non vin nada pero sentín que unha boca e unhas poutas movían o meu corpo a dereita e a esquerda coma se eu fose un abano. Apretei as mans a cara e non lembro de quitalas por vontade propia. Os meus berros foron diminuíndo ata que quedei sen forzas. Lembro que cando acougaba un pouco, a loba mordía con menos forza. Os meus tíos non saben dicir o tempo que pasou ata que me atoparon e levaron a casa onde estaba a miña nai. O primeiro transporte foi nos brazos do meu padriño e logo na besta ata a Piroga que é onde ten a consulta don Braulio, o médico da familia. Di que necesito unha transfusión de sangue e que deben levarme, urxentemente, ao hospital do doutor Baltar en Santiago de Compostela. Hai que cruzar a ponte do río Grande para ir na busca de Manuel Mira que é o propietario do único coche de alugueiro que ofrece servizo en Baio. A carretera estaba en moi mal estado e así foi que pouco antes da ponte Faílde (no concello de Santa Comba) houbo que deterse para o cambio dunha roda por mor dun pinchazo.

Arredor das sete da tarde ingresaba no hospital e dúas horas despois falei pedindo auga. O doutor Baltar ordenara a transfusión que me salvou a vida. Levaba moitas horas en estado de semi inconsciencia e sen saber a razón de estar nunha cama de hospital coa cabeza vendada e o corpo cheo de apósitos desde as mans ata as pernas. Estiven un día enteiro de repouso (o 22 de xullo) pero xa o 23 puiden dar un paseo pola Alameda que estaba a un paso da esquina de xeneral Pardiñas e Carreira do Conde. Neste pequeno percorrido foi cando escoitei dicir, a varias das persoas que se achegaban, que era un neno moi afortunado xa que salvara a vida porque así o quixo o noso señor Xesucristo. Outros tocaban na miña cabeza para logo persignarse pero os peores eran os que querían que lles contase como foi o ataque e algún preguntaba se me doera. A miña nai pedía que non me falasen do lobo e trataba de protexerme de aqueles insensibles curiosos. Non lle facían caso e por iso o paseo foi moi curto xa que axiña volvemos para o hospital. A mesma historia da curiosidade tivo lugar en agosto na feira de Baio aínda que agora estaba en alerta e non lles permitía que abrisen a boca para preguntar nada e tampouco deixaba que ningunha man allea tocase na miña cabeza ou nas cicatrices que non cubría a roupa. Aló van 65 anos sen que esmorezan os meus recordos dun moi especial día de verán no monte de Tines.

Manuel Suárez Suárez, 
Dende Lonxe de Montevideo.
Que pasa na Costa, 21 xullo 2023
Share
Tweet
Pin
Share
No comments
Del Riego ideou unha celebración do galego que hoxe chega aos 60 anos.


En 1963, a proposta de Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo, a Real Academia Galega celebrou o primeiro Día das Letras. A data elixida, 17 de maio, nacía da dedicatoria de Rosalía de Castro dos seus Cantares Gallegos a Fernán Caballero (pseudónimo da escritora Cecilia Böhl de Faber). Eran os tempos escuros da ditadura, tempos difíciles para a lingua galega e para quen, coma Don Paco, se significaran a prol do galeguismo e a democracia. Dende a clandestinidade e aproveitando as mínimas oportunidades que o réxime permitía, tocaba emprender unha reconstrución silandeira, pero no que cada paso pequeno era toda unha conquista.

Así aconteceu con ese primeiro Día das Letras Galegas. A Coruña, Santiago, Vigo e Lugo celebraron veladas literarias e recitais, que foron a semente dun acontecemento que dende entón non deixaría de repetirse cada ano. Non é arriscado pensar que Del Riego sabía, ou polo menos intuía, a lonxevidade que ía ter aquela iniciativa. Tres anos antes, cando La Voz o entrevistou o día do seu ingreso na RAG, xa se amosaba optimista sobre o futuro do idioma. E no ano 2000, cando era presidente da entidade, reiterou a súa confianza: «Sempre o fun, ata nas épocas máis negras. Como non o ía ser agora que as cousas van moito mellor?».

Dignificación

A idea orixinal de Don Paco para a celebración era a de contribuír á dignificación e normalización do galego a través do libro. De aí a escolla de Cantares Gallegos como símbolo para honrar a Rosalía e, a través do poemario e mais da autora, honrar a lingua. O libro era ese vehículo que fixaba e transmitía o coñecemento, dotado de autoridade e nobreza, algo que necesitaba a cultura galega naquel tempo. E o libro formaba parte da paisaxe máis íntima de Don Paco, lector asiduo dende ese momento que cambia a vida de tantas persoas: aprender a ler. A palabra impresa foi unha compaña constante na súa longa vida: ser lector era o seu xeito de estar no mundo. Na vellez, cando empezou a fallarlle a vista, a lectura era o que máis botaba en falta.

Esa celebración arredor da palabra, do libro, da lingua, converteuse nunha das iniciativas máis populares do país. Sobre esas primeiras veladas literarias construíuse un auténtico acontecemento que vai máis alá do sector cultural e implica á comunidade educativa, o tecido asociativo, ata acadar a transversalidade que era o obxectivo de Del Riego. Porque el entendía ben que a lingua, ademais da súa dimensión culta, necesitaba tamén ser un organismo vivo, e que a relación entre ambos eidos era o que fortalecía e aseguraba a supervivencia dun idioma. Pero, se fallaba un dos dous, a debilidade estenderíase ao conxunto. Unha reflexión que non perdeu actualidade, e que se pode aplicar aos retos do noso sector editorial, a apertura de camiños renovados para levar o galego a escenarios internacionais, a diminución e ás veces quebra da transmisión xeracional da lingua. Reflexións que poden atopar ideas inspiradas na obra de Fernández del Riego, pero tamén no seu optimismo e entusiasmo.

Neste 2023 o Día das Letras Galegas, simbolicamente, pecha un capítulo coa homenaxe a un dos seus promotores, unha das grandes obras dun Del Riego que converteu en maiúsculas ata as tarefas máis pequenas. Galicia festexa o legado dun home que en vida se entregou por completo a elevar o país, que deste xeito contraeu unha débeda con el: a de actualizar e renovar ese herdo durante moitas décadas máis.

Lourenzá acolle este mércores os actos centrais da Academia

Este mércores 17 de maio Don Paco regresa á súa vila natal, aínda que a súa memoria entre os seus conveciños segue moi viva. A Real Academia Galega celebra en Vilanova de Lourenzá os actos centrais do Día das Letras, cunha sesión plenaria extraordinaria que terá como escenario o centro de usos múltiples Ponte de Cuñas e que se poderá seguir en directo a partir das 12.30 horas a través da web da entidade.

No acto intervirán Xesús Alonso Montero, Francisco Díaz-Fierros e Margarita Ledo Andión. Alonso Montero abordará o papel que tivo Del Riego como ponte entre a Galicia da diáspora e o exilio interior, Díaz-Fierros centrarase na presenza da paisaxe na obra do homenaxeado e Ledo Andión falará da relación do intelectual cos medios de comunicación, en particular a súa faceta como articulista de prensa. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, será o encargado de pechar a sesión.

Na convocatoria matinal haberá tamén música, a cargo do cuarteto Souto Xímaro, de Lourenzá, e o coro Mestre Pacheco, de Mondoñedo. Non será a única actuación, xa que pola tarde o campo do Mosteiro acollerá as actuacións da Asociación Cultural Osorio Gutiérrez e, a partir das 19.00 horas, un concerto de Treixadura.

Co gallo dos sesenta anos da primeira celebración do Día das Letras, a Academia tamén abriu unha exposición virtual na súa web sobre os festexos.

Xesús Fraga
La Voz de Galicia, 17 de mayo de 2023
Share
Tweet
Pin
Share
No comments
Que un programa de radio fundado en Montevideo o 3 de setembro de 1950, feito enteiramente en galego, cumpra 71 anos ininterrompidos de vida é motivo de celebración pero tamén de recoñecemento do esforzo realizado polo moi comprometido grupo de emigrantes galeguistas que axudaron ao mantemento da nosa identidade nas terras da República Oriental do Uruguai. Estamos a falar de que uns meses despois da morte de Castelao en Bos Aires, os seus amigos montevideanos, fundan un espazo radial para renderlle homenaxe e chámanlle “Sempre en Galicia”.


Nunca esquecerei, recén chegado a capital uruguaia, cando o domingo 30 de novembro de 1958, pola mañá, escoito desde o meu cuarto a música duns gaiteiros que sae da radio “Philco” que está na cociña. Aínda tiña moi presente os sons das gaitas na festa de Nosa Señora da Ermida Vella, o oito de setembro na miña aldea de Tines. Aquel histórico domingo téñoo gravado xa que foi cando sentín alegría porque entendín que alí sería moi feliz. Nunca imaxinei que anos despois sería amigo dos señores que falaban pola radio e que me convidarían a formar parte activa de “Sempre en Galicia”.

Os que queiran máis información sobre o programa poden ler o libro de Mónica Rebolo Vázquez (Edicións Laiovento) xa que eu debo centrarme no futuro inmediato para intentar que a Xunta de Galicia e o Parlamento e as Deputacións e o concello de Rianxo e a RTVG, outorguen distincións e premios a unha iniciativa que ten grande importancia polo seu moi eficaz labor didáctico xa que é a máis antiga escola de galeguidade na emigración. Por suposto que son benvidas as distincións honorarias pero sen esquecer a realización de actividades concretas na capital uruguaia.

Coido é pertinente que lembre o Corenta Aniversario (3/IX/1990) como exemplar actuación da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura que estaba baixo o mando do mestre ourensán Daniel Barata Quintas. O compromiso e o bo facer de Paz Lamela Vilariño (directora xeral) e de Xabier Senín Fernández (sub director) levaron a Montevideo unha aperta solidaria para todos os alí residentes. Os actos conmemorativos tiveron moita repercusión xa que Galicia estivo presente desde o 2 e ata o 7 de setembro con actuacións musicais, estrea de filmes, vídeos e exposición de libros.

O mesmo 3 de setembro, pola noite, o Teatro Solís (o máis prestixioso do país) acolle a actuación de “Milladoiro” na súa primeira viaxe ao Río da Prata. Foi emocionante e coido que as bágoas de alegría do meu benquerido lucense Manuel Meilán Martínez (director-fundador) logo de recibir o aplauso de máis de 1.200 persoas (aforo completo) ben valeron o investimento realizado. Houbo tamén outro momento inesquecible cando Moncho García di que interpretarán a “Polca dos Campaneiros” adicada especialmente ao fillo dun dos fundadores do famoso cuarteto “Os Campaneiros de Vilagarcía”, o meu amigo Ramón Valiñas, que estaba presente na sala.

Foi unha semana chea de emocións que aínda se recorda xa que despois de aplaudir a “Milladoiro” puidemos gozar coa voz da moi talentosa neta montevideana da Pastoriza (Cristina Fernández Fernández) que mantén activo o sentimento de pertenza a terra da inmorrente Rosalía de Castro. Tivo lugar en “Cinemateca” a estrea dos filmes Continental, Urxa e Sempre Xonxa e coa participación nun coloquio de Carlos A. López Piñeiro (director de Urxa). Lembro que fun quen levou a Montevideo, xunto coa equipaxe, media ducia de caixas metálicas coas cintas orixinais de Continental e Sempre Xonxa. Ademais tamén unha mostra das últimas novidades editoriais galegas.
 


Ocórreseme facer a proposta de que no ano 2022 se volva a capital uruguaia para festexar esta meritoria andaina cultural no exterior coa repetición dos recitais de Milladoiro e Cristina Fernández e a proxección de filmes e mostra expositiva ou feira do libro galego. Sei que será un éxito xa que teremos a axuda do eficaz Patronato da Cultura Galega (entidade que financia o espazo radial) e a colaboración do carballés Toni de Sofán (Antonio García de Seárez) que leva varias décadas diante do micrófono para que as mañás do domingo sexan o elo que nos une en irmandade solidaria arredor dos sons da Muiñeira de Chantada. O bo traballo do meu amigo Toni debe ser recoñecido. Estamos diante dun moi activo emigrante que agradece a honra de ser escollido para seguir coa sementeira de galeguidade desde unha emisora radial na República Oriental do Uruguai. O meu desexo é que o sábado 3 de setembro do vindeiro ano sexa unha xornada de festa maior para certificar que sigue fortemente xunguido a Galicia o elo de emoción que por enriba do Atlántico penduraron os fundadores de “Sempre en Galicia” en 1950. Ofrezo a miña colaboración para que os anfitrións montevideanos nos conviden a matear xuntos (a Intendencia Municipal de Montevideo é a propietaria do Teatro Solís) para celebrar unha achega do sangue emigrante na conformación dun xeneroso país que nos acolleu con agarimo no seu niño de hornero e abeirounos en tempos de escuridade, friaxe e tempestades.

Manuel Suárez Suárez
Share
Tweet
Pin
Share
No comments
O vindeiro sábado ás 11 da mañá falarei do cine galego, a súa historia e "Novo cine galego". O obradoiro, coordinado pola profesora Carolina Silva, será por zoom, en galego (intentareino). Últimos días para inscribirse: clasesdegallego@gmail.com / 1164576512



Share
Tweet
Pin
Share
No comments
A Xela Arias, in memoriam


Viaxeira nocturna asomada ó cristal

nunha póla de inverno.

Chega a túa voz feita de aire e naufraxio,

dunha terra enxebre, dunha terra fermosa,

labrada de pazos, de ritos, de fantasmas.

Coma a cabalo de veladas lámpadas,

entre a promesa e o esquecemento.

Chegas subversiva, abandonada.

Sempre hai un enigma no adeus

na herba do ceo ou dos ríos,

entre soños e moradas

Como un feitizo melancólico

ou coma un fulgor que cae doutra choiva,

na néboa dos deuses, luxuria, bóvedas.

Entón, o pan crepita nun forno durmido,

moi preto do mar, nas viriles terras

que xorden á sombra dos templos.

Un hálito, un desexo de afogada liberdade ,

un poema que non concibe a malicia.

E a túa alma suspendida nomea o segredo

no misterio que congrega a hedra.

Carlos Penelas
Bos Aires, 17 de maio de 2021

Tradución: Emiliano Penelas


Viajera nocturna asomada al cristal

en una rama de invierno.

Llega tu voz hecha de aire y de naufragio,

de una tierra enxebre, de una tierra bella,

labrada de pazos, de ritos, de fantasmas.

Como a caballo de veladas lámparas,

entre la promesa y el olvido.

Llegas subversiva, abandonada.

Hay siempre un enigma en el adiós,

en la hierba de cielo o de ríos,

entre sueños y moradas.

Como un hechizo melancólico

o como un destello cayendo de otra lluvia,

en neblina de dioses, lujuria, bóvedas.

Entonces, crepita el pan en un horno dormido,

muy cerca del mar, en las viriles tierras

que surgen a la sombra de los templos.

Un hálito, un deseo de ahogada libertad,

un poema que no concibe la malicia.

Y tu alma suspendida nombra el secreto

en misterio que congrega la hiedra.

Carlos Penelas
Buenos Aires, 17 de mayo de 2021


Xela Arias (Sarria, 1962–Vigo, 2003) es la homenajeada por el Día das letras galegas 2021, que se celebra cada 17 de mayo. Definida por la Real Academia Galega como “una de las voces más destacadas de la poesía gallega contemporánea”. Su poesía es “singular, transgresora, sincera y comprometida”, informa la RAG, que también recordará su trabajo como editora y traductora de muchos clásicos universales al gallego.

Publicado en carlospenelas.com
Share
Tweet
Pin
Share
No comments
Older Posts

About me

Página en construcción

Redes

  • Twitter
  • Instagram
  • Twitch
  • Facebook
  • Emiliano451
  • Kinoclub
Invitame un café en cafecito.app

Últimos posteos

Sponsor

Blog Archive

  • ▼  2026 (9)
    • ▼  abril (2)
      • "Tres moricas me enamoran", por Rocío Danussi
      • Olga de Amaral: Cuerpo textil
    • ►  febrero (4)
    • ►  enero (3)
  • ►  2025 (17)
    • ►  diciembre (2)
    • ►  noviembre (7)
    • ►  marzo (2)
    • ►  febrero (3)
    • ►  enero (3)
  • ►  2024 (50)
    • ►  diciembre (4)
    • ►  noviembre (3)
    • ►  octubre (5)
    • ►  septiembre (9)
    • ►  agosto (1)
    • ►  julio (5)
    • ►  junio (7)
    • ►  mayo (6)
    • ►  abril (4)
    • ►  marzo (1)
    • ►  enero (5)
  • ►  2023 (86)
    • ►  diciembre (7)
    • ►  noviembre (4)
    • ►  octubre (3)
    • ►  septiembre (5)
    • ►  agosto (6)
    • ►  julio (10)
    • ►  junio (4)
    • ►  mayo (6)
    • ►  abril (9)
    • ►  marzo (9)
    • ►  febrero (11)
    • ►  enero (12)
  • ►  2022 (112)
    • ►  diciembre (12)
    • ►  noviembre (6)
    • ►  octubre (9)
    • ►  septiembre (9)
    • ►  agosto (13)
    • ►  julio (11)
    • ►  junio (9)
    • ►  mayo (13)
    • ►  abril (8)
    • ►  marzo (19)
    • ►  febrero (2)
    • ►  enero (1)
  • ►  2021 (35)
    • ►  diciembre (2)
    • ►  noviembre (2)
    • ►  octubre (1)
    • ►  septiembre (4)
    • ►  agosto (8)
    • ►  julio (4)
    • ►  junio (12)
    • ►  mayo (1)
    • ►  enero (1)
  • ►  2020 (4)
    • ►  enero (4)
  • ►  2019 (59)
    • ►  diciembre (4)
    • ►  noviembre (2)
    • ►  octubre (9)
    • ►  septiembre (5)
    • ►  agosto (7)
    • ►  julio (8)
    • ►  junio (3)
    • ►  mayo (8)
    • ►  marzo (5)
    • ►  febrero (3)
    • ►  enero (5)
  • ►  2018 (65)
    • ►  diciembre (7)
    • ►  noviembre (2)
    • ►  octubre (12)
    • ►  septiembre (16)
    • ►  agosto (2)
    • ►  mayo (1)
    • ►  abril (6)
    • ►  marzo (7)
    • ►  febrero (4)
    • ►  enero (8)
  • ►  2017 (89)
    • ►  diciembre (2)
    • ►  noviembre (3)
    • ►  octubre (11)
    • ►  septiembre (11)
    • ►  agosto (8)
    • ►  julio (7)
    • ►  junio (7)
    • ►  mayo (8)
    • ►  abril (8)
    • ►  marzo (6)
    • ►  febrero (8)
    • ►  enero (10)
  • ►  2016 (123)
    • ►  diciembre (8)
    • ►  noviembre (6)
    • ►  octubre (8)
    • ►  septiembre (6)
    • ►  agosto (6)
    • ►  julio (10)
    • ►  junio (12)
    • ►  mayo (5)
    • ►  abril (18)
    • ►  marzo (13)
    • ►  febrero (16)
    • ►  enero (15)
  • ►  2015 (105)
    • ►  diciembre (12)
    • ►  noviembre (10)
    • ►  octubre (9)
    • ►  septiembre (10)
    • ►  agosto (11)
    • ►  julio (10)
    • ►  junio (8)
    • ►  mayo (6)
    • ►  abril (6)
    • ►  marzo (9)
    • ►  febrero (5)
    • ►  enero (9)
  • ►  2014 (120)
    • ►  diciembre (8)
    • ►  noviembre (4)
    • ►  octubre (10)
    • ►  septiembre (9)
    • ►  agosto (15)
    • ►  julio (17)
    • ►  junio (6)
    • ►  mayo (5)
    • ►  abril (10)
    • ►  marzo (11)
    • ►  febrero (7)
    • ►  enero (18)
  • ►  2013 (186)
    • ►  diciembre (16)
    • ►  noviembre (17)
    • ►  octubre (18)
    • ►  septiembre (13)
    • ►  agosto (19)
    • ►  julio (13)
    • ►  junio (11)
    • ►  mayo (9)
    • ►  abril (20)
    • ►  marzo (17)
    • ►  febrero (15)
    • ►  enero (18)
  • ►  2012 (160)
    • ►  diciembre (15)
    • ►  noviembre (9)
    • ►  octubre (9)
    • ►  septiembre (18)
    • ►  agosto (12)
    • ►  julio (15)
    • ►  junio (16)
    • ►  mayo (13)
    • ►  abril (12)
    • ►  marzo (17)
    • ►  febrero (11)
    • ►  enero (13)
  • ►  2011 (174)
    • ►  diciembre (16)
    • ►  noviembre (15)
    • ►  octubre (13)
    • ►  septiembre (18)
    • ►  agosto (23)
    • ►  julio (18)
    • ►  junio (12)
    • ►  mayo (11)
    • ►  abril (11)
    • ►  marzo (15)
    • ►  febrero (9)
    • ►  enero (13)
  • ►  2010 (147)
    • ►  diciembre (15)
    • ►  noviembre (6)
    • ►  octubre (9)
    • ►  septiembre (13)
    • ►  agosto (11)
    • ►  julio (16)
    • ►  junio (19)
    • ►  mayo (19)
    • ►  abril (11)
    • ►  marzo (12)
    • ►  febrero (9)
    • ►  enero (7)
  • ►  2009 (84)
    • ►  diciembre (13)
    • ►  noviembre (7)
    • ►  octubre (9)
    • ►  septiembre (10)
    • ►  agosto (9)
    • ►  julio (7)
    • ►  junio (3)
    • ►  mayo (7)
    • ►  abril (2)
    • ►  marzo (7)
    • ►  febrero (6)
    • ►  enero (4)
  • ►  2008 (48)
    • ►  diciembre (3)
    • ►  noviembre (4)
    • ►  octubre (3)
    • ►  septiembre (4)
    • ►  agosto (2)
    • ►  julio (3)
    • ►  junio (1)
    • ►  mayo (2)
    • ►  abril (7)
    • ►  marzo (8)
    • ►  febrero (4)
    • ►  enero (7)
  • ►  2007 (16)
    • ►  diciembre (7)
    • ►  noviembre (9)

Buscar

Mercado Libre

Ver en AirbnbEl bulín de Moreno / Hermoso duplex
E451 KC

Created with by BeautyTemplates