viernes, 15 de enero de 2010

Published 17:00 by with 2 comments

¡Un whisky para Andrés!

Desde Galicia, Manuel Suárez Suárez recuerda al actor, recientemente fallecido en Santiago de Compostela. Pazos tenía 64 años, y había ganado fama internacional con su excelente labor en la película uruguaya Whisky.



O luns 4-XI-1991 nas páxinas do xornal “Diario 16 de Galicia” publiquei unha nota titulada Un actor galego da emigración. Alí falaba do meu amigo Andrés Pazos Pérez que me pedira axuda por carta xa que estaba analizando a posibilidade de volver a Galicia xunto coa súa familia. Nacera en Ames e levaba na capital uruguaia 38 anos. Un tío seu foi o dono da coñecida cafetería compostelá “Azul”. Quedei sorprendido porque estaba moi integrado na vida social uruguaia e tiña esposa e dous fillos. Naquelas liñas lembrei que ademais de recoñecido actor teatral o seu oficio cotiá era o de perruqueiro nun salón de peitados unisex xunto coa súa muller na rúa Mercedes da capital uruguaia.

Comecei a tratalo arredor de 1973 cando a miña amiga Yolanda Díaz Gallego, directiva do Patronato da Cultura Galega, comentou que era galego. A primeira actividade que lembro foi chamalo para que puxese a súa voz nun audiovisual realizado sobre as fotos do ferrolán Manuel Monteagudo Romero. Despois tivemos máis relación cando estiven aos mandos do programa radial “Sempre en Galicia” ao que o convidaba para ler textos curtos de Castelao. No seo do Patronato recitou moitas veces e tamén foi o impulsor e primeiro director da Escola de Teatro. Aínda resoa nos meus oídos a súa fermosa voz recitando no baixo da rúa Río Branco 1443 en harmonioso dúo coa tamén emigrante Mercedes Boquete.

A traxectoria de Andrés no Uruguai será sempre lembrada polas aplaudidas actuacións teatrais en Pluto de Aristófanes, A Gaivota de Chejov, Egor Bulichov de Gorki e Rasga Corazón de Viana Filho. Dentro do cine polo seu gran papel en Whisky e aquí recordaremos que foi un inmenso petrucio na exitosa montaxe de A Lagarada. Os que o aplaudiron en Trasalba non esquecerán a súa magnífica caracterización do Señor Vences de Alén e os seus berros no comezo do Actus Secundus: ¡Ó traballo nugalláns, arriba! ¿Ou coidades empalmar a parva co almorzo?

Foi premiado polos críticos uruguaios co máximo galardón que outorgan: o “Florencio” [en homenaxe ao famoso dramaturgo Florencio Sánchez]. Ingresa na institución teatral “El Galpón” en 1973 e alí permanece ata que a dictadura clausura o teatro. Segue en Montevideo e funda o “Teatro de la Gaviota” cun pequeno grupo de actores que resisten sen coller os vieiros do exilio. Quero reproducir algúns comentarios da prensa arxentina e uruguaia sobre actuacións súas: “Andrés Pazos, como el escudero, es sin duda, el actor más dúctil y con mayor capacidad de asombro del grupo uruguayo de “La Gaviota” [Lazarillo de Tormes]; “Andrés Pazos, expléndido de voz y físico es el Trigorin que Chejov pedía”; “Pazos conduce casi toda la obra; ya que los demás surgen a sus recuerdos, deseos, miedos, con su acostumbrada solvencia. Andrés transmite con todo su oficio el conflicto del viejo revolucionario” [Rasga Corazón].

Cando Andrés decide volver, póñome en contacto co profesor Xoán Luís Saco Cid que daquela era o presidente do IGAEM. Fágolle un informe persoal xunto co seu C.V. e pídolle traballo para Andrés Pazos Pérez. A resposta foi positiva e o meu amigo axiña se incorpora ao mundo teatral galego mediante un contrato de obra co Centro Dramático Galego. O seu talentoso labor recibiu milleiros de aplausos aínda que a súa idea inicial era a de creación dunha Escola Teatral para a formación dos futuros actores e actrices. Quería ensinar e trasmitir os seus coñecementos de moitos anos de aprendizaxe xunto a dous grandes directores da escea uruguaia como foron Atahualpa del Cioppo e César Campodónico.

Dicía que para actuar, tiña que antes aprender un pouco de galego. Chegara as terras uruguaias con 7 anos e ao seu entender tiña un acento demasiado montevideano. Sostiña que eu si que tiña un galego fluído pero que el debía pensar antes as palabras que ía dicir. Díxenlle que pola contra eu non era actor e que unha cousa é falar con seseo montevideano e outra ben diferente é a de estar enriba nun escenario reproducindo un texto de autor o cal require dunha vocalización máis neutra. Ben probado quedou que Andrés posuía un galego excelente, cheo de ricos matices, ao mellor estilo do gran petrucio Vences de Alén.

Morreu en Santiago de Compostela o mércores 13 de xaneiro pero estará sempre nos nosos corazóns. Foi solidario por partida dobre: con Galicia e Uruguai. Recibe prezado amigo os meus saúdos de irmandade e os fortes berros de: Forza para o teatro galego e para o uruguaio!

Manuel Suárez Suárez
    email this       edit

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Manuel :
Muchas gracias por tan bonitos recuerdos, mi familia y yo estamos profundamnete agradecidos por tantas y tantas muestras de cariño, sin dudas esta es una falta irremplazable en nuetras vidas.Tambien hacemos nuestros todos estos recuerdos que tu comentas en el blog y de los que hemos sido participes de alguna forma. Un gran abrazo muy afectuozo. Alejandro.

Anónimo dijo...

Manuel :
Muchas gracias por tan bonitos recuerdos, mi familia y yo estamos profundamnete agradecidos por tantas y tantas muestras de cariño, sin dudas esta es una falta irremplazable en nuetras vidas.Tambien hacemos nuestros todos estos recuerdos que tu comentas en el blog y de los que hemos sido participes de alguna forma. Un gran abrazo muy afectuozo. Alejandro.